Volvemos de Portugal cunha sensación de traballo ben feito. O pasado 23 de setembro estivemos presentes no II Fórum da Bio-Região do Alto Tâmega e Barroso, celebrado en Valpaços.
Foi un orgullo representar o esforzo diario que se fai en Galicia para manter vivo e produtivo o noso rural. O noso tesoureiro, Pablo Villaverde, participou cun relatorio titulado «Da recuperación dos terreos familiares á mobilización dunha rexión». Durante a súa intervención debullou como os proxectos de recuperación de parcelas abandonadas poden medrar e servir de motor real para a modernización dunha zona enteira.
Comprobar de primeira man como o traballo que facemos nos nosos soutos serve de inspiración fóra das nosas fronteiras dános moita forza. E para pechar a charla e deixar clara a nosa postura sectorial, proxectamos unha mensaxe final na que levamos moito tempo insistindo: «Fruto seco não, castana fresca sim».















