Dende a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos queremos comunicar que pechamos oficialmente a nosa rolda de contactos institucionais no Parlamento de Galicia. Durante estes días mantivemos catro xuntanzas presenciais cos representantes de tódolos grupos políticos con presenza na cámara: PP, BNG, PSdeG, e DO.
O motivo destas visitas foi sentarnos con eles para explicarlles de primeira man os detalles da nosa campaña «A castaña non é un froito seco». Como vimos denunciando, seguir metendo a castaña no mesmo saco que as noces ou as améndoas é un erro de clasificación histórico. Nutricionalmente non teñen nada que ver, xa que a castaña destaca polo seu alto contido en auga, hidratos de carbono e o seu baixísimo índice de graxa.
Corrixir esta clasificación normativa é unha necesidade urxente para o sector. Para logralo, formamos unha alianza estratéxica cos nosos veciños de Portugal, creando unha fronte común luso-galega coa mirada firme en levar esta xusta reclamación ao Parlamento Europeo. A información detallada da campaña pode consultarse na nosa web: https://asociaciongalegadacastana.es/a-castana-non-e-un-froito-seco/
Facemos un balance moi positivo desta serie de encontros. Tódolos partidos nos recibiron cunha excelente disposición e comprometéronse a estudar a fondo a documentación técnica e as vías de solución que lles entregamos.
A mensaxe que lles trasladamos aos catro grupos foi exactamente a mesma: buscamos un consenso total. Protexer o traballo diario nos soutos e garantir que os consumidores reciban unha información veraz non pode servir en ningún caso como un elemento de confrontación política. É un tema que nos beneficia a todos por igual, e agradecemos enormemente a boa acollida e a vontade de escoita activa que nos demostraron tódalas forzas parlamentarias.


