Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

A auga como clave de futuro: Visita técnica ao proxecto Soutos Sustentáveis en Vinhais

O pasado 16 de xullo, un grupo de seis socios da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos desprazouse á localidade portuguesa de Vinhais para asistir á xornada de campo do proxecto Soutos Sustentáveis.

A falta de choivas e a optimización dos recursos hídricos son retos compartidos cos produtores do país veciño. Hoxe máis que nunca, debemos dominar o manexo da auga para evitar que a situación meteorolóxica actúe como un límite á hora de apostar pola implantación de novos soutos e para asegurar e mesmo incrementar as nosas producións de castaña.

A xornada centrouse na aplicación de tecnoloxía ao campo. Puidemos ver o funcionamento de estacións meteorolóxicas automáticas e sensores de humidade e temperatura instalados na terra. Estas ferramentas permiten calcular con exactitude cando e canto é necesario regar. Quedou patente que o rego por goteo é o sistema máis eficaz para as fincas con ladeira que caracterizan a nosa orografía.

Percorremos catro campos de demostración (Mofreita, Moimenta, Travanca e Candedo) para coñecer os sistemas instalados e o seu mantemento.

Nesta mesma publicación incluímos unha escolma de fotografías da xornada e dúas imaxes cos datos técnicos da iniciativa.

Queremos facer público o noso agradecemento ao gran traballo desenvolvido polas entidades promotoras deste proxecto: CONFAGRI, ARBOREA, a Escola Superior Agrária do Instituto Politécnico de Bragança, PRORURIS e á Fundação Calouste Gulbenkian.

 

Scroll al inicio