Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

A fenda entre a investigación e os soutos: a nosa reflexión tras a presentación de CHESTNUTCARE en Lalín

O pasado xoves 24 de setembro estivemos no Centro Sociocultural Manuel Rivero de Lalín participando na xornada de presentación do proxecto CHESTNUTCARE (cun custo total de 930.016,34 euros). A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos non forma parte deste consorcio, pero fomos convidados para achegar a nosa visión. O noso compañeiro Pablo Villaverde foi o encargado de impartir a nosa charla, que levaba por título «O cambio climático nos castiñeiros».

Xusto ao comezo da súa intervención, a modo de anécdota, Pablo arrincou lanzando unha pregunta moi directa ao público: cantos produtores de castaña había nese momento na sala? A resposta foi un auténtico golpe de realidade, porque só tres persoas levantaron a man. Eses tres produtores eramos o propio Pablo, unha muller das entidades organizadoras do evento e un socio da nosa Asociación.

Nela afondou nos problemas cos que lidamos no día a día dos soutos por culpa das novas condicións que nos impón o clima en Galicia. Máis tarde, despois das exposicións, tamén participamos nunha mesa redonda respondendo ás dúbidas tanto dos asistentes coma dos propios organizadores.

Toda esta vivencia lévamos a unha reflexión ineludible. Á vista da situación, parece que os produtores non acaban de conectar con estes programas de investigación e cos grupos operativos. Cando nunha xornada centrada en protexer os nosos soutos case non hai xente que traballe a terra, está claro que algo falla. Quizais sería conveniente que as institucións empecen a pensar na forma en que están a desenvolver estas iniciativas. Hai que baixar ao terreo e comprobar de verdade se os obxectivos que se marcan nos despachos cobren as necesidades e os problemas reais que temos os produtores a pé de campo.

Scroll al inicio