Un dos obxectivos máis importantes que tiñamos por diante fíxose realidade. A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos participou no XVI Encontro Europeu da Castanha, Eurocastanea 2026, na localidade de Valpaços. Sentimos un orgullo inmenso de poder levar o noso traballo fóra das nosas fronteiras e tecer alianzas tan necesarias.

O momento central da nosa presenza tivo lugar o 11 de setembro coa charla impartida por Pablo Villaverde. Durante a súa intervención, puxo o foco na necesidade de corrixir a clasificación comercial do noso produto. A castaña, cunha humidade do 45 ao 50%, é un órgano vivo e perecedoiro que require refrixeración constante. Tratalo como un froito seco xera un desperdicio evitable de ata o 50% nos fogares, algo inasumible hoxe en día e contrario ás directrices da UNECE. Expuxo os avances da nosa campaña xemelga xunto á asociación Agrifuturo, destacando o recente apoio unánime conseguido no Parlamento de Galicia e a nosa vontade de modernización constante.







A cita en Portugal deixou tamén unha anécdota brillante que axuda moito á nosa causa. A organización tivo a orixinalidade de colocar dúas neveiras xusto na porta de entrada ao recinto. O xesto tiña unha intención clara: facer que a xente tomase conciencia da campaña reivindicativa. Foi un impacto visual perfecto para subliñar que a castaña require dunha rigorosa cadea de frío.
O coñecemento ten que compartirse sen barreiras idiomáticas, polo que puxemos a disposición de todos a presentación de Pablo traducida aos idiomas dos países que participaron en Eurocastanea.
Enlace para descargar a presentación en PDF da charla de Pablo Villaverde.




