Antes de que houbese libros de texto, os nenos galegos aprendían a mirar o souto xogando a adiviñalo. E hai un detalle que salta á vista en canto se xuntan trinta ou corenta adiviñas da castaña: case todas contan a mesma historia. A dun que está moi alto, que se ri, e que ao rir perde todo o que tiña.
É o ourizo abríndose. A fenda que se abre no ourizo maduro é unha boca que ri, e a castaña que cae ao chan é o que perde por rir. Toda a tradición oral galega viu iso, e repetiuno de mil maneiras distintas.
A familia do que ri e perde
Alto está,
barbas ten,
ri e guinda
o que contén.
→ o ourizo
Alto estou,
cor de ouro teño
e por unha risada
perdo o que teño.
→ o ourizo
Alto, alto cabaleiro,
dálle a risa
e cáelle o diñeiro.
→ o ourizo
Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dentes.
→ o ourizo
No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.
→ o ourizo
«Alto me vexo no meu capelexo»
Esta é a fórmula máis produtiva de todas, e o interesante é que esa palabra do medio cambia en cada aldea. Recollemos, todas documentadas: capelexo, lugarexo, canguerexo, colgarexo, cagarexo, capalexo. Ningunha significa gran cousa por si soa — están aí pola rima. É a tradición oral traballando en directo.
Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedei sen nada.
Outo me vexo no meu lugarexo.
Por unha risada, perdín miña añada.
(variante con outo por alto, máis arcaica)
Alto me vexo
no meu capelexo,
ladrón vexo vir
e co meu carapucho
non podo fuxir.
As que falan da castaña
Ten pelexo como a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.
→ a castaña
Alto me vin,
baixo me vexo,
e aló arriba
quedoume o pelexo.
→ a castaña
Cal é a cousa, cal é ela
que ten tres capas de inverno:
a primeira mete medo,
a segunda é lustrosa
e a terceira amargosa?
→ a castaña: o ourizo, a casca e a tona
Redondiña e moreniña,
un pouco aplastada.
Pódese comer crúa,
cocida ou asada.
→ a castaña
Unha cousiña cousa,
criada no monte,
enxoita na casa
e cómese sen tasa.
→ a castaña
Unha cousa que vive na devesa
e vaille picar o cú á artesa.
→ a castaña
Son pequena,
e a miña cor é marrón;
cando chega o outono
métenme no fogón.
→ a castaña
Toda a familia xunta
Hai unha fórmula que retrata a árbore enteira nun só verso — pais, nais e fillos:
Altos pais,
capeludas nais
e os fillos incha-foles:
adiviña ti, se podes.
E dúas do castiñeiro
Son as máis raras de todas. A inmensa maioría das adiviñas falan do froito ou do ourizo; da árbore, case ningunha. Estas dúas si:
Teño moitos fillos,
cheos de ourizos,
un tronco moi groso
e teño moitos picos.
→ o castiñeiro
Ten candeas penduradas
que sempre están apagadas,
e medrando en duras pezas
no outono son asadas.
→ o castiñeiro — recollida en Sarria por Xaime Félix López Arias
Esta última é especialmente boa para quen leu o noso vocabulario: xoga coas candeas, que é como se lle chama en galego á flor do castiñeiro. Candeas que están sempre apagadas.
Unha trampa que convén evitar
Hai unha adiviña que circula por todas as listas de magosto como se fose da castaña:
No alto estou,
ladróns vexo vir;
coa miña carapucha
non podo fuxir.
Ten a mesma estrutura que as do ourizo e é doado confundila, pero Paco Martín, no seu Libro das adiviñas, resólvea como a landra — a belota do carballo. Deixámola aquí precisamente para avisar.
Tampouco son da castaña, aínda que aparezan mesturadas nos mesmos listados, a de «Son verde e non son limón…» (é a amora) nin a de «Eu nacín dentro dun berzo…» (é o liño).
De onde saíron
Estas adiviñas están recollidas do Libro das adiviñas de Paco Martín, da recompilación de Xaime Félix López Arias en Sarria, e sobre todo do traballo de recollida que fixeron escolas galegas preguntándolles aos seus avós e avoas. Merece unha mención especial o alumnado do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, que anotou en cada adiviña quen lla contou e en que lugar — Biobra, Casaio, Entoma, Sobradelo. Iso é etnografía feita por nenos, e é exactamente o que fai falta.
E ti, que lembras?
Esta recompilación queda aberta, coma todas as da serie. Se na túa casa, na túa aldea ou na túa parroquia lembras algo que aquí non aparece — outra versión, outro nome, outra maneira de facelo — escríbenos. Cada achega engade unha peza a un patrimonio que só se conserva se se conta.

