Cando falamos do patrimonio ligado á castaña, pensamos decontado nas pedras: os sequeiros, as curripas, os muros de pedra seca que aínda hoxe debuxan os nosos soutos. Pero hai outro patrimonio, igual de antigo e moito máis fráxil, que non se toca nin se fotografa: o das palabras. Cada xesto da castañicultura tradicional ten, ou tivo, o seu nome propio, e moitas veces ese nome cambia dunha parroquia á seguinte.
Desde a Asociación queremos compartir unha recompilación viva do léxico galego da castaña, ordenadas por orde alfabética, que van desde os termos normativos recollidos no dicionario da Real Academia Galega ata as formas e os nomes propios dunha soa aldea ou comarca. Termos coma abarqueira, bandoxo, corripa, pisa ou magosto conviven aquí con nomes de variedades de castaña case esquecidas —pagiana, raigona, vérdeas— e con expresións que só cobran sentido arredor dun lume de novembro, coma iso de que o viño «corre á rangalleira» cando hai magosto.

Este glosario naceu do cruce entre o dicionario normativo da RAG, fontes lexicográficas históricas coma o Dicionario de Dicionarios do Instituto da Lingua Galega, traballos etnográficos e a propia tradición oral. É, coma o propio souto, un traballo que nunca remata: cada comarca garda aínda palabras que non están escritas en ningures.
Por iso esta lista é, sobre todo, un punto de partida. Se coñeces algunha palabra, variante ou expresión relacionada coa castaña que non atopes aquí —sobre todo se é propia da túa aldea ou comarca—, encantaríanos que a compartises con nós. Cada palabra que se perde é un anaco de memoria que non volve, e cada palabra que se recolle é un souto que seguimos a coidar.
Velaquí o vocabulario completo:
A
- Abandoxar: Sacudir as castañas secas dentro do bandoxo para desprenderlles a casca.
- Abarqueira: Castaña que está baleira, sen miolo, típica do Courel.
- Adentar, amordicar, amosegar, amozcar, anozcar, ataniscar: Facerlle un pequeno corte a castaña para que non estoupe ao asarse.
- Amarelante: Variedade de castaña.
- Amosega, amosegadura, amozcadura, anozcoada: Corte que se lle fai á castaña para evitar que estoupe ao asala.
- Arbus panis: Nome latino polo que os romanos chamaban ao castiñeiro (árbore do pan).
- Asiñar, asinar: Variante dialectal recollida nalgunhas aldeas de Pol (Lugo) para referirse á acción de darlle un corte á castaña antes de asala.
- Avespiña, avespa das agallas: Insecto orixinario de Asia (Dryocosmus kuriphilus) que parasita o castiñeiro producindo agallas nos gromos; unha das principais ameazas actuais para os soutos galegos.
B
- Baguto, degaro, destelo, restela, restrelo: Castaña que se desprende por si soa do ourizo.
- Bandoxo: Instrumento semicircular, de fondo chan e bordo de madeira, con dúas asas, empregado para sacudir e separar as castañas secas da casca.
- Barais: Castañas duras pero que adoitan ser moi saborosas.
- Barexar: Acción dos cativos consistente en roubar castañas aos veciños para o magosto.
- Bellota, bellote, billeta, billós: Variantes dialectais de billote (castaña asada) documentadas en diversas zonas de Galicia.
- Billote: Castaña asada sen casca; variante de bulló documentada dende o século XVIII na zona de Ourense.
- Boleca, beleca, belleca, bolerca, caxago, caroucón, gullerpa: Castaña que non se desenvolve plenamente.
- Bolecos: Castañas non comestibles, pequenas e aplastadas, que son case unicamente pel.
- Branca: Variedade de castaña.
- Brava, bravas: Castaña procedente do castiñeiro bravo, sen inxertar.
- Bulla: Proceso tradicional de pisar as castañas secas metidas nun saco para desprenderlles a casca; dá nome ás formas bullada, bulló e bullote.
- Bullada: Castaña que xa pasou polo proceso da bulla.
- Bullote: Castaña asada no tixolo ou cacho. Tamén torta de fariña de castaña consumida polos lexionarios romanos.
- Bulló: Castaña asada e xeralmente sen casca; nalgunhas zonas, ourizo que trae unha soa castaña sa.
- Burgazo: Castaña cocida sen a pela, ás veces fresca e que se come con leite.
C
- Cacho: Tixolo ou tixola con buratos para asar as castañas.
- Caldudas: Potaxe elaborado con castañas secas cocidas.
- Calvoa, Chantadina, Marela, Monfortina, Pozorredondo, Repunta, Revolta, Vermella, Vilachá: Outras variedades de castaña documentadas no Courel.
- Cambarico, cazarico: Castaña de tamaño extremadamente pequeno que ás veces vén acompañando ás grandes dentro do mesmo ourizo.
- Candea: Flor do castiñeiro e doutras árbores coma o piñeiro, o carballo etc., que ten forma alongada e está formada por un acio de flores pequeniñas.
- Caniceira: Conxunto de táboas estreitas penduradas do teito do sequeiro, separadas entre si, sobre as que se estenden as castañas para secar; variante do canizo.
- Canizo: Especie de engradado feito de varas, canas etc., tecidas, que serve para secar castañas.
- Carouco, caroca: Oco do tronco dunha árbore, especialmente o que se fai nos castiñeiros vellos.
- Carrolos: Castaña asada.
- Castaña, bullote: Froito comestible do castiñeiro.
- Castañeira: Tempo, normalmente o outono, en que se recollen as castañas.
- Castiñeiro, castañeiro: Árbore da familia das fagáceas, de follas grandes, lanceoladas e de bordos aserrados, cuxo froito é a castaña.
- Casulo, camisa: Película interior moi fina que recobre a carne da castaña debaixo da casca dura.
- Cañas: Novos brotos que o castiñeiro trasmocho emite dende a cruz tras o desmoche.
- Chancro: Enfermidade das plantas, moi común nos castiñeiros, caracterizada pola aparición de tumores ou úlceras nas pólas ou no tronco.
- Coco: Verme da castaña.
- Corripa, corriza, curripa, ouriceira: Construción circular de pedra, de pouca altura, onde se gardan os ourizos das castañas para que amolezan e lles caia a casca.
- Courelá: Nome que recibe no Courel a variedade negral, empregada tamén como polinizadora doutras variedades.
- Crouco: Castaña de tamaño pequeno.

D
- De Parede: Variedade de castaña.
- De Presa: Variedade de castaña.
- Debagutar, destelar: Caer a castaña do ourizo sen varear a árbore.
- Debullar, debagar, degraer, degrañar, petelar: Sacar as castañas dos ourizos.
- Debullar, deluvar, depenar, descascar, escascar: Quitar a casca a unha castaña.
- Degraída: Castaña que cae xa madura do ourizo ao chan por si soa; sinónimo de degaro, baguto.
- Demoucar, desmoucar: Cortar a póla principal e as guías altas do castiñeiro.
E
- Entrecasca: Película delgada da castaña existente entre a casca e o froito.
- Enxeridas: Castañas formadas por varias pezas.
- Enxerimento: Superficie onde remata a castaña.
- Ericeira, ouriceira, oriceira, peteleira: Variante local ou de influencia castelá para denominar o montón de ourizos que se poñen a secar, ou ben o lugar onde se botan.
- Escarapolar: Quitar a casca a unha castaña.
F
- Famosa: Variedade de castaña.
- Froxallo, furullo: Restos secos da floración masculina do castiñeiro unha vez que caen ao chan do souto.
G
- Garrida: Variedade de castaña.
- Garula: Castaña seca e sen casca que se garda moito tempo.
I
- Inxerta: Variedade de castaña.
- Inxerto, enxerto: Puga ou xema dunha planta que se introduce no padrón doutra para que agrome.
L
- Longal: Variedade de castaña.
- Luguesa: Variedade de castaña.
M
- Madroña: Castaña que, por mor da xeada ou outra causa, está engurrada e ten un sabor desagradable.
- Magosto: Festa profana que se celebra no mes de novembro, na que se asan e se comen castañas.
- Maia, garula, maiola: Castaña seca e pelada, as veces pilonga ou seca e afumada.
- Mamela, mamota, zamelo, zoncho: Castaña cocida coa casca.
- Morea: Conxunto de cousas ou persoas amontoadas (frecuentemente ourizos).

N
- Negral: Variedade de castaña.
O
- Orizo: Variante de ourizo.
- Ourizo, cacheiro: Envoltura espiñenta da castaña.
P
- Padrón: Planta na que se fai un inxerto.
- Pagiana, Vilande, Buxeira, Agrelo, Loura, Garrida, Papada, Cabezuda, Toubesa, Bravoleirado, Bicuda, Ousende, Oucieira: Outras clases de castañas documentadas no Courel.
- Paparote: Castaña branda e doce.
- Petela: Pinza de madeira coa que se apañan as castañas do ourizo.
- Picois: Castañas do Courel que se desprezan na escolla ou que rompen ao debullalas no bandoxo para quitarlles as tonas.
- Picona: Variedade de castaña.
- Picós: Anacos das cascas procedentes da pisa ou do bandoxo empregados para cebar os porcos.
- Pilonga: Castaña que se secou no sequeiro.
- Pingada: Castaña que cae por si soa do ourizo ao madurar.
- Pintorlar: Coller a castaña a súa cor característica.
- Piolla: Monda delgada que recobre a carne da castaña.
- Pisa, pisada: Proceso tradicional consistente en golpear as castañas secas dentro dun saco contra un tallo de madeira para desprenderlles a casca.
- Pisón: Mazo de madeira empregado, entre outros usos, para mallar os ourizos das castañas.
- Presa: Froito dun castiñeiro bravo que rende moita cantidade e madeira, aínda que non sexa a castaña máis saborosa (O Courel).
- Puga: Talo que se inxerta noutra planta.
- Puxa: Parte moi delgada da casca das castañas, noces e outros froitos parecidos.
Q
- Quedar en auga de castañas: Expresión que indica que algo quedou en nada, sen resultado.
R
- Raigona: Variedade de castaña.
- Raigonas: As segundas castañas en caer da árbore no Courel; son as mellores para comer e as que mellor pelan.
- Rangalleira: Expresión (‘correr á rangalleira’) que indica que o viño abunda o día do magosto.
- Rapada: Variedade de castaña.
- Rañudas: Castañas de forma alongada e cor clara.
- Rebolo: Talo que bota a árbore polo pé ou polas raíces.
- Rebudío, bravío: Castiñeiro silvestre, nado de semente, que non foi inxertado e polo tanto produce castañas de menor tamaño.
- Riplas: Táboas de madeira de castiñeiro, lisas por riba e en forma de cuña por baixo, coas que se cobre o piso do sequeiro onde se estenden as castañas para secar.
- Rosenda: Castaña de tamaño grande e pel grosa non moi escura.
- Rubia: Variedade de castaña.
S
- Sequeiro: Construción, xeralmente de dúas plantas, destinada a secar as castañas, ou lugar onde se pon a secar leña, castañas, etc.
- Soutar: Apañar as castañas.
- Souto, castañal, castiñeira: Terreo poboado de castiñeiros.
- Suchar, chuchar: Chupar de forma continua unha castaña pilonga ata que se consuma.

T
- Taloura, bareiro: Vara longa empregada para abanear o castiñeiro e facer caer os ourizos.
- Temperás: Castañas redondas e pequenas que nacen antes que as demais.
- Tinta: Enfermidade do castiñeiro causada por fungos do xénero Phytophthora, que apodrece as raíces e a base do tronco; foi unha das causas históricas do declive dos soutos galegos.
- Tixolo: Recipiente de barro ou de ferro, con furados polo fondo, que se utiliza para asar as castañas.
- Tonas: Cascas da castaña.
- Torno, trollo: Espazo físico na planta inferior do sequeiro, xeralmente delimitado por laxes de pedra, onde se fai e se mantén o lume de leña para afumar e secar o froito.
- Tourona: Castaña de cor máis escura e de maior tamaño ca a normal.
- Trasmocho, demoucado: Castiñeiro podado de forma que medre máis ao ancho que ao alto, para obter máis castañas e pólas grandes sen perder a árbore.
V
- Varear, apalear: Bater coa vara nas pólas das árbores para facer caer o froito.
- Velliñas: Castaña do Courel de cor moi escura e que se debulla mal.
- Ventura: Variedade de castaña.
- Vérdeas: Castañas do Courel moi abundantes e consideradas as máis saborosas xunto coas presas.
X
- Xemas: Partes en que se divide a castaña.
- Xudía: Variedade de castaña.
Z
- Zarandear, deventar: Acción de limpar a castaña seca das últimas cascas usando a peneira, aproveitando a forza do vento tras o proceso da pisa.
- Zoncho: A mamota, castaña cocida coas dúas cascas que os cativos enfían nun cordel a xeito de rosario.

