Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Avanzamos xuntos: novos estatutos, expertos e un forte pulo ao noso sector

A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos reuniuse o pasado 24 de maio no edificio de usos múltiples Manuel Rivero de Lalín, completando unha intensa e importante xornada para todos nós.

A mañá arrincou cunha sesión exclusiva para asociados onde aprobamos por unanimidade os novos estatutos. Foi un paso necesario para que a asociación siga medrando e consolidándose como un referente claro no mundo da castañicultura.

Logo abrimos as portas a todas as persoas interesadas. A verdade é que a mañá fíxosenos pequena escoitando aos dous relatores convidados. Pedro Álvarez Álvarez achegounos unha visión moi completa sobre o cambio climático, a fenoloxía e a biodiversidade no castiñeiro e nos soutos. Xusto despois, Miguel Ángel Vázquez de la Mata, de Viveros Castanea Sativa, tróuxonos información moi práctica sobre os tratamentos preventivos contra a avéspora.

Contamos tamén coa presenza da Directora Xeral de Planificación Forestal da Consellería do Medio Rural, María Luisa Piñeiro Arcos. As súas palabras déronnos un bo respaldo institucional e confirmaron a necesidade dos pasos que estamos dando cos novos estatutos. Falamos do apoio da Xunta ao noso sector e repasamos as axudas ao castiñeiro, que xa están convocadas. Tamén tocamos temas vitais como a figura do Silvicultor Activo, a importancia das Agrupacións Forestais e o noso propio proceso para ser recoñecidos como agrupación sen base territorial. Quedou clara a urxencia de profesionalizar o sector e poñer en valor a riqueza ecosistémica e territorial que aporta o castiñeiro.

Dende logo, unha das mellores novas que nos deixou a súa visita foi a confirmación de que a nosa asociación xa forma parte implicada do Consello Forestal, o que supón toda unha ledicia. Foi un día memorable que sen dúbida queda rexistrado na historia desta nova asociación.

Queremos dar as grazas ao Concello de Lalín por facilitarnos unhas instalacións tan axeitadas. Tamén a Pedro e a Miguel Ángel, sempre dispostos a colaborar connosco de forma desinteresada. Agradecemos a María Luisa Piñeiro que nos dedicase o seu tempo persoal, un xesto que nos indica que o intercambio de ideas e proxectos terán moitas máis partes no futuro.

Aos socios e socias, grazas por vir e seguir bombeando enerxía a este proxecto. E a todos os asistentes non vinculados á asociación, grazas por amosar coa vosa presenza que a xornada era de verdadeiro interese. O encontro continuou os seus debates de forma distendida durante un xantar nun establecemento da vila, fomentando tamén un pouco a economía local circular.

O único malo do día foi que nin con todo isto o tempo chegou a nada para resarcirnos do que máis nos gusta e disfrutamos: o mundo do castiñeiro e da castañicultura.

Scroll al inicio