Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Crónica da xornada formativa da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos no Pazo Montesclaros (A Laracha)

«Somos a resistencia» do rural.  Con esa definición que nos deixou Xosé Regueira Varela, vicepresidente da Deputación da Coruña, quedamos despois da intensa xornada formativa que celebramos o pasado sábado 24 de outubro no Pazo Montesclaros, en Vilaño (A Laracha). Un encontro longo, práctico e moi participativo para seguir aprendendo a coidar os nosos soutos e defender o seu futuro.

A xornada, que contou co apoio da Deputación da Coruña («A paisaxe que sabe») e do Viveiro Montesclaros, ademais de expositores con mostras de castaña, abriuse ás nove da mañá coa intervención de Cristina Capelán, deputada do Mar e Medio Rural.

Axiña entramos en faena co bloque de viveiros: Juan Canedo (xerente de Viveiro Montesclaros) e Ivón Duo (xerente de Viveiro A Revolta) explicaron polo miúdo o seu xeito de facer planta híbrida e o manexo dos diferentes clons, completando un programa matinal que tamén recolleu a rega e fertilización de precisión con hidroinfiltradores de Raúl Rojano (Universidade de Granada).

Antes de xantar, a educadora alimentaria Ana Cristina Sánchez deunos unha lección maxistral sobre o valor nutricional da castaña.

Explicou por que un produto tan rico en vitamina C, con azucres saudables de absorción lenta, tan saciante e cunha capacidade extraordinaria para rexenerar a flora intestinal non pode quedar relegado unicamente ao tempo do magosto, senón que debe formar parte da nosa alimentación diaria todo o ano. No seu showcooking en directo elaborou dúas receitas que logo degustamos todos xuntos mentres compartiamos o xantar e conversabamos: unha deliciosa tostada de puré de castaña con algas e unha bóla doce de castaña precocida con alfarroba.

Un acerto total empregar a alfarroba como alternativa natural e máis doce có cacao, recuperando un produto tradicional que marida de luxo coa castaña.  Pola tarde tocoulle a quenda á sanidade vexetal con María Josefa Lombardero (Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría).

Analizamos a orixe do chancro, como ataca a árbore e que coidados fitosanitarios debemos ter para non espallalo. Lombardero insistiu nun problema gravísimo que sufrimos a diario: o abandono. De nada vale ter o noso souto limpo e san se xusto ao lado hai plantacións abandonadas ou castiñeiros ventureiros esporando chancro continuamente sen que ninguén elimine eses pés enfermos. Para velo sobre o terreo, visitamos a plantación do propio Pazo Montesclaros, onde observamos chancro hipovirulento —o chancro «do bo»— e aprendemos a distinguilo directamente na árbore.

Despois abriuse a mesa redonda, moderada polo noso presidente, Jose Antonio Liñares, acompañado por Juan Canedo, Ivón Duo, María Josefa Lombardero, Miguel Ángel Vázquez de la Mata (Viveros Castanea Sativa) e Jose Manuel Queijas.

Repasáronse boas prácticas esenciais cando compramos planta no viveiro —como aviverala e non deixar nunca as raíces ao aire no campo para evitar que se deshidraten mentres imos plantando—, os retos de adaptación ao cambio climático e as opcións para protexer a planta nova da fauna, avaliando cando convén usar malla individual e cando facer un peche cinexético perimetral.

No peche do acto, Xosé Regueira agradeceu o traballo da asociación e animounos a seguir sendo esa «resistencia» fronte ao monocultivo, apostando por un sector primario que fixe poboación, xere riqueza alimentaria e manteña viva unha paisaxe que sabe de sabor e sabe do coñecemento herdado dos nosos maiores.

 

Scroll al inicio