Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Editar o ADN do castiñeiro para plantarlle cara á tinta

Que significa realmente o avance científico do que se está a falar estes días?

Un equipo de investigación conseguiu, por primeira vez nunha árbore forestal, desactivar un xene do propio castiñeiro que o fai vulnerable á enfermidade da tinta. As plantas resultantes aguantaron moito mellor o ataque do patóxeno nas probas de laboratorio. É un resultado importante e pioneiro, pero non hai aínda planta dispoñible para os soutos: todo se probou en condicións de laboratorio e queda un camiño longo por diante. Este artigo explica que se fixo, por que importa e que non debemos esperar del a curto prazo.

1. O problema de partida: a tinta

A enfermidade da tinta está causada por Phytophthora cinnamomi, un organismo microscópico do solo (non é exactamente un fungo: é un oomiceto) que ataca as raíces do castiñeiro. A árbore vai perdendo capacidade de absorber auga e nutrientes, amarelece, seca por partes e acaba morrendo. É unha das principais causas de mortandade nos nosos soutos, e o cambio climático está a agravala.

A ferramenta que temos hoxe a man son os patróns híbridos tolerantes, obtidos por cruzamento do noso castiñeiro europeo (Castanea sativa) con especies asiáticas resistentes. Seguen a ser a solución práctica en campo, e ninguén discute a súa utilidade.

O traballo que presentamos aquí abre unha vía complementaria e distinta: conseguir que sexa o propio castiñeiro europeo o que resista, actuando directamente sobre os seus xenes.

2. A idea clave: os «xenes de susceptibilidade»

Este é o concepto central do traballo, e paga a pena entendelo ben porque é contraintuitivo.

Adoitamos pensar que unha planta enferma porque lle falta algo (unha defensa). Pero moitas veces enferma porque ten algo que o patóxeno sabe aproveitar. A eses xenes chámaselles xenes de susceptibilidade.

Unha comparación.
Imaxina que a árbore ten unha porta cunha pechadura. O patóxeno non a arrebenta a golpes: leva unha chave que encaixa nesa pechadura concreta. A estratexia clásica sería poñer un garda detrás da porta (reforzar as defensas). A estratexia nova é cambiar a pechadura, para que a chave do patóxeno xa non lle sirva de nada.

O xene concreto do que falamos chámase Cspmr4. A súa función normal é fabricar calosa, unha substancia que a planta usa para selar e tapar tecidos danados. Non é un xene «malo»: fai o seu traballo fisiolóxico. O problema é que cando P. cinnamomi infecta o castiñeiro, a actividade dese xene dispárase, e todo apunta a que o patóxeno se aproveita diso para instalarse máis cómodo.

A hipótese do equipo era clara: se apagamos Cspmr4, quitámoslle a chave ao patóxeno.

3. Como o fixeron

Dúas técnicas combinadas, e as dúas fan falla:

a) CRISPR/Cas9 — as tesoiras moleculares

É unha ferramenta que permite ir a un punto exacto do ADN e cortalo aí, e só aí. Non se lle engade á planta ningún xene doutra especie: desactívase un xene que xa era seu. Comparado coa mellora xenética de toda a vida (cruzar e esperar), a diferenza é a precisión: en vez de mesturar dous xogos completos de cartas a ver que sae, cámbiase unha soa carta.

b) Embrioxénese somática — reconstruír a árbore

Cortar o ADN nunha célula non serve de nada se despois non podemos converter esa célula nunha árbore enteira. A embrioxénese somática permite precisamente iso: a partir de células en cultivo, xerar embrións e, destes, plantas completas. É a peza técnica máis difícil nas especies forestais, e é onde este grupo leva arredor de dúas décadas de traballo acumulado. Sen ela, o CRISPR non lle valería de nada a unha árbore.

4. Que obtiveron
  • A edición do xene funcionou con moita eficacia: a maioría das liñas quedaron coas dúas copias do xene desactivadas (o castiñeiro, coma nós, ten dúas copias de cada xene; se só apagas unha, a outra segue traballando).
  • As plantas editadas mostraron maior tolerancia a P. cinnamomi: sobreviviron máis e presentaron menos necrose nas raíces.
  • Hai indicios de que, ao apagar Cspmr4, a planta activa máis as súas propias defensas, o que reforza a hipótese de partida.

E tamén hai límites que os propios autores recoñecen, e que convén coñecer:

  • A técnica funcionou mellor nuns xenotipos que noutros. Non todo castiñeiro se deixa transformar igual.
  • A rexeneración de plantas enteiras a partir dos embrións editados foi limitada. É dicir: editar, edítase ben; sacar árbores adiante, custa.
5. Que non significa este resultado

Isto é o máis importante de todo o artigo, e pedimos que se lea con atención antes de sacar conclusións.

Circulan estes días algunhas ideas que conviña matizar. En letra grosa, o que se leu ou escoitou por aí; debaixo, o que realmente di a investigación:

«Xa hai castiñeiros resistentes á tinta»

En realidade hai plantas máis tolerantes en probas de laboratorio (in vitro), non validadas en campo.

«Vaise poder plantar axiña»

Non hai ensaios de campo, nin material de reprodución, nin autorización.

«Isto resolve a tinta»

Redúcese a vulnerabilidade fronte a un patóxeno; o cancro (Cryphonectria parasitica) e o resto de problemas seguen aí.

Unha planta que sobrevive nunha placa de laboratorio aínda ten que demostrar que aguanta nun souto real: con seca, con xeadas, con competencia, con solos vivos e cheos doutros organismos, e durante décadas. Ese salto é longo, e moitas veces é onde as cousas fallan.

6. Que supón este avance

Aínda que non teña efecto práctico inmediato no souto, o resultado é relevante por catro motivos:

  • Demostra que se pode facer. É a primeira vez que se consegue editar un xene de susceptibilidade nunha árbore forestal. Ata agora era unha idea que funcionaba en plantas de laboratorio e en cultivos herbáceos; agora sábese que tamén é viable nunha especie leñosa e de vida longa.
  • Actúa sobre o propio castiñeiro europeo. A tolerancia obtense modificando un xene que a especie xa tiña, sen incorporarlle xenes doutras especies.
  • Identifica unha diana concreta. Agora sabemos que Cspmr4 ten un papel real na infección pola tinta. Iso é información útil máis alá desta técnica: serve para orientar tamén a selección e a mellora convencional, buscando exemplares que xa teñan de seu variantes favorables dese xene.
  • Abre porta a outros problemas. A mesma estratexia —buscar o xene que o patóxeno aproveita e desactivalo— pódese aplicar ao cancro do castiñeiro e a outras enfermidades emerxentes, tanto no castiñeiro como noutras especies forestais.

Dito iso, e para pechar como se abriu: entre demostrar algo nun laboratorio e ter planta certificada nun viveiro pode haber facilmente dez ou quince anos, se é que o proceso chega a completarse. Este artigo cóntase para que saibamos por onde vai a investigación, non para cambiar ningunha decisión de plantación para as próximas campañas.

Equipo: Vera Pavese, María Teresa Martínez, Pablo Piñeiro, Lucía Del Castillo-González, Marta Berrocal-Lobo, Daniela Torello Marinoni, Javier Sampedro, Roberto Botta, Andrea Moglia, Elena Corredoira

  • Department of Agricultural, Forestry and Food Sciences (DISAFA), University of Turin, Largo Paolo Braccini 2, 10095 Grugliasco, Turin, Italy
  • Misión Biológica de Galicia (MBG-CSIC), Sede de Santiago de Compostela, Avd. Vigo s/n, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, Spain
  • Centro para la Biodiversidad y Desarrollo Sostenible (CBDS), ETSI Montes, Forestal y del Medio Natural, Universidad Politécnica de Madrid, Ciudad Universitaria s/n, Madrid 28040, Spain
  • Department of Functional Biology, Faculty of Biology, University of Santiago de Compostela, Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, South Campus, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña, Spain

Publicación: ScienceDierect (21/05/2026).

Scroll al inicio