Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Froxán celebra o 5 de decembro a XXVII Festa da Pisa da Castaña no corazón do Courel

A conservación da castaña seca e os oficios vencellados ao souto teñen unha cita de referencia o vindeiro 5 de decembro en Froxán, no concello de Folgoso do Courel, coa celebración da XXVII Festa da Pisa da Castaña.

Esta xornada divulga e mantén en activo o proceso tradicional polo que pasa a castaña unha vez que sae do sequeiro. Tal e como recollen as imaxes do cartel desta vixésimo sétima edición, o traballo divídese na pisa —onde dúas persoas baten de xeito alternativo un saco cheo de castañas secas contra un cepo de madeira para desprender a casca— e o posterior abanado co bandoxo, co que se limpa o froito.

O encontro abrangue tradición, cultura, arte, música e gastronomía. Está organizado pola Asociación Cultural Fonte do Milagro e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel, Montañas do Courel Xeoparque e a Xunta de Galicia.

 

Scroll al inicio