Un novo estudo científico, publicado na revista IMA Fungus a comezos de 2026, trae excelentes noticias para o sector da castaña. O traballo avalía a eficacia do control biolóxico do cancro do castiñeiro (causado polo fungo Cryphonectria parasitica) mediante un sistema coñecido como «hipovirulencia», un termo que probablemente xa escoitastes aos técnicos forestais.
Aínda que o artigo ten unha base xenética moi técnica, as súas conclusións no terreo son moi prácticas e esperanzadoras. Explicámolas a continuación de forma sinxela:
Que é a hipovirulencia?
O cancro do castiñeiro é un fungo letal para a árbore. Con todo, existe un virus (chamado Cryphonectria hypovirus 1 ou CHV1) que ataca exclusivamente ao fungo do cancro. Cando o fungo está infectado por este virus, «enferma», perde a súa agresividade (vólvese hipovirulento) e as súas lesións na casca curan e cicatrizan soas. Así, o castiñeiro consegue sobrevivir.
O virus espállase mellor do que pensabamos
Para que este tratamento funcione no monte, o virus ten que pasar dun fungo enfermo a un fungo san. Os científicos sabían que, no laboratorio, aos diferentes tipos xenéticos (cepas) do fungo do cancro cústalles moito mesturarse e contaxiarse o virus entre eles. Había medo de que no monte pasase o mesmo e o virus tivese freos para avanzar.
Porén, este macroestudo de dous anos en soutos de Suíza, Croacia e Macedonia do Norte demostrou todo o contrario: no monte, o virus inféctao case todo. As barreiras xenéticas que o freaban no laboratorio case non funcionan na natureza. Os cancros agresivos foron colonizados rapidamente por cepas do fungo que xa tiñan o virus.
Cancros que deixan de medrar e árbores que sobreviven
O estudo comprobou mediante inoculacións reais en castiñeiros que, unha vez que o virus entra nun cancro activo, este reduce drasticamente o seu crecemento e tamén a súa capacidade de soltar esporas (o que evita que contaxie a outras árbores). Como resultado, aumentan notablemente as probabilidades de supervivencia dos pés infectados.
Que significa isto para os nosos soutos?
Isto confirma que o control biolóxico natural contra o cancro funciona, e faino con gran eficacia. O estudo demostra que no ecosistema europeo o virus que debilita ao cancro transmite de forma moi doada. As cepas con virus acaban invadindo ás novas infeccións de forma natural.
Esta é unha noticia moi positiva que nos indica que a xestión silvícola dirixida a favorecer os cancros cicatrizantes (como deixar as pólas ou pés que presentan cancros curados no canto de cortalos, xa que son «fábricas de virus») é a estratexia correcta a medio e longo prazo para salvar os nosos soutos.
Publicación: IMA Fungus (20/01/2026)

