O pasado 23 de setembro, a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos deu un paso clave na súa estratexia de cooperación. Durante o II Fórum da Bio-Região do Alto Tâmega e Barroso, celebrado na localidade de Valpaços, asinamos un convenio marco de colaboración coa entidade portuguesa Agrifuturo.
O documento foi rubricado por Pablo Villaverde e Lino Sampaio. Na práctica, xa viñamos traballando xuntos na campaña da Castaña Froita Fresca, polo que esta sinatura plasma sobre o papel unha colaboración que xa era efectiva no traballo diario. Este acordo establece as bases para unha colaboración enfocada na defensa, recuperación e xestión sostible dos soutos. A suma de esforzos entre ambas entidades permitirá desenvolver futuras accións conxuntas para a modernización e posta en valor do cultivo do castiñeiro no noso territorio.



