Hoxe queremos compartir unha historia que nos emociona. Hai unhas semanas tivemos a sorte de contar na nosa terra coa visita do chef xaponés Eiichi Matsumoto, que viaxou a Galicia para coñecer de preto a nosa cociña máis tradicional e auténtica. Matsumoto rexenta o restaurante Dukkah en Osaka, Xapón, onde se dedica en corpo e alma a elaborar cociña española, poñendo en valor a nosa gastronomía a miles de quilómetros de distancia.
Durante o seu paso pola contorna do Xurés, os cociñeiros Domingo González e Fran Silva compartiron con el a elaboración dunha receita moi nosa: a Letria castrexa. Esta sobremesa moi antiga, tradicional tanto da raia galega como da portuguesa na zona do Xurés, naceu da necesidade e do enxeño. Como antigamente existía dificultade para acceder ao arroz nestas montañas, as familias elaboraban unha receita semellante á do arroz con leite pero utilizando fideos, que naquel momento era un dos produtos que si chegaban ás casas.
Neste encontro, os tres chefs déronlle un toque moi especial acompañando a letria cun toffee de castañas e unha compota de mazá reineta. Unha verdadeira delicia que une o noso pasado coa cociña actual e os produtos da terra.
Desde a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos queremos agradecer enormemente este xesto a Domingo, a Fran e moi especialmente a Matsumoto. Ver o noso emblema xunto aos pratos elaborados polos tres cociñeiros e comprobar como a castaña esperta o interese fóra das nosas fronteiras é algo do que todos os produtores debemos sentirnos orgullosos.
Para os que queirades probar a facer esta receita nas vosas casas, é un proceso moi sinxelo. Podedes atopar as instrucións completas e os ingredientes na ligazón que aparece xusto debaixo.



