Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

O ciclo tradicional da castaña

Queremos compartir con vós un fragmento marabilloso que describe á perfección os traballos e o rico vocabulario tradicional galego asociado á recollida da castaña.

Este texto e as imaxes que o acompañan foron extraídos literalmente dunha publicación do Museo Etnográfico de A Capela. Animámosvos a descubrir o gran labor de conservación cultural que realizan visitando a súa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/museoetnograficoacapela) ou a súa páxina web oficial (https://museoacapela.gal/).

Aquí vos deixamos o texto orixinal:

«A castaña no ourizo eu ben o que ela fai; cando está verde ,madura, cando está madura, cai.

No outono os castiñeiros liberan os seus froitos; era tempo de rozar os SOUTOS e preparar as CURRIPAS. A finais de outubro – sempre antes de defuntos- facíase o SOUTELO.

Ese día baixábase moi cedo cara o souto. Escudábanse os castiñeiros con varas , recollíanse as castañas que soltaban (as degradas) e os ourizos que non regañaban apañábanse cunhas pinzas feitas de varas de castiñeiro (as colledoiras) e levábanse para as curripas; cando estaban cheas tapábanse con batumada (felgos, follas,….) para que curtiran.

Pasados uns 20 días volvíase ao souto para facer a PETELEIRA. Destapábase a curripa e sacábanse pola porta os ourizos para fóra; se non estaban abertos golpeábanse cun pau cun guiche (o petelo) para que ceibaran as castañas.

Cargábanse as castañas en sacos e transportábanse para a casa. As que non se ían consumir axiña colocábanse no CAÍNZO da lareira para que secasen ( as garulas).»

📸 Fotografías e texto: Museo Etnográfico de A Capela.

Scroll al inicio