Con esta publicación, a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos inaugura un novo espazo na súa web dedicado a protexer, recuperar e divulgar o legado arquitectónico, lingüístico e mitolóxico vinculado tradicionalmente ao souto e á cultura da castaña, tal e como recolle o artigo 6.f dos nosos estatutos. E que mellor forma de comezar que achegándonos a un dos conxuntos etnográficos máis singulares e mellor conservados de toda Galicia: os Sequeiros de Pena Folenche, na Pobra de Trives (Ourense).
Que son os sequeiros
Os sequeiros son construcións tradicionais de pedra e madeira erguidas para o secado das castañas recén recolectadas. A súa peculiaridade máis salientable é que só se ocupaban durante uns meses ao ano. Por iso, ademais da súa función principal —o secado do froito— cumprían unha segunda misión: acoller ás persoas que se desprazaban para levar a cabo o traballo previo de recollida da castaña e tamén para facer a demouca.
Cabe precisar que, na zona de Pena Folenche, as familias que ocupaban estas construcións procedían maioritariamente da «Serra» (zonas altas, como a parte alta de Trives e Chandrexa), onde as distancias impedían o percorrido diario. Cada sequeiro respondía a unha lóxica construtiva: a planta baixa facía as veces de vivenda temporal, mentres que a planta superior, situada xusto enriba do lume, era o espazo destinado ao secado.
O proceso de secado
O tratamento da castaña despois da recolección seguía tres pasos ben diferenciados:
- Afumado: as castañas colocábanse na parte alta da estrutura de madeira do sequeiro, xusto enriba do fogar, onde o fume e a calor as ían secando lentamente durante días.
- Pisa: unha vez secas, introducíanse nun saco que se golpeaba contra un pilón para soltar a casca da poupa.
- Limpeza: por último, as castañas non se cribaban, senón que se «bandoixaban» usando un bandoixo (utensilio en forma de media lúa), que permitía separalas da casca.
Un conxunto excepcional
O poboado de Sequeiros de Pena Folenche constitúe un dos conxuntos de sequeiros mellor conservados de toda Galicia, localizándose dentro do Paisaxe Protexido do río Navea, un corredor fluvial que conecta o Macizo Central ourensán co sistema Miño-Sil. Hoxe en día, parte destas construcións foron restauradas, testemuñas dun xeito de vida e dunha economía familiar centrada por completo no souto.
Este conxunto etnográfico é hoxe percorrible a través da Ruta dos Sequeiros, un sendeiro circular de aproximadamente 3 quilómetros e dificultade baixa. O percorrido transcorre entre soutos centenarios, bancais de pedra e antigos camiños de terra, ofrecendo unha inmersión na historia da castañicultura galega.
Patrimonio material… e inmaterial
Alén do valor arquitectónico, Pena Folenche e o seu contorno están envoltos en tradición oral. Cóntase, por exemplo, que no interior da gran pena que dá nome ao lugar existe unha pasaxe que comunica cunha cova chea de tesouros agochados polos mouros, e que o propio apóstolo Santiago deixou a súa pegada tras un salto desde esta rocha ata un bosque de San Xoán de Río. Lendas coma estas forman parte da identidade cultural que a nosa asociación considera prioritario protexer.
Por que esta publicación
O pasado 4 de xullo de 2026 un grupo de socios e socias realizou unha visita guiada a este enclave, experiencia da que daremos conta proximamente nunha publicación específica nas nosas redes sociais. Pero a beleza, o estado de conservación e o significado etnográfico deste lugar fixéronnos ver que merecía, ademais, unha entrada propia e permanente dentro deste novo apartado da web, coa vontade de:
- Dar a coñecer un modelo construtivo —o sequeiro— directamente ligado á historia da castañicultura galega.
- Contribuír á divulgación e posta en valor dun ben patrimonial que, malia o seu interese, segue sendo un gran descoñecido fóra da comarca.
- Animar a coidar e respectar estas construcións cando se visiten, como parte do compromiso da nosa asociación coa recuperación do patrimonio construído do monte galego (ouriceiras, curripas, muros de pedra seca, sequeiros e canizos).
Información práctica
- Onde: Pena Folenche, parroquia de Santa María, concello da Pobra de Trives (Ourense).
- Como chegar: desde a Pobra de Trives, pola OU-536 en dirección Ourense; a 1,8 km hai que virar á esquerda seguindo as indicacións a Pena Folenche e ao mirador.
- A ruta: sendeiro circular de sinalización local, de aproximadamente 3 km e uns 45 minutos–1 hora de percorrido, dificultade baixa, apto para toda a familia.
- Recomendación: complementar a visita subindo ao mirador de Pena Folenche, desde onde se albisca todo o val do río.
- Máis infomación no Concello de Pobra de Trives: 988 330 000 / concello@concellodapobradetrives.gal
Podes ampliar información sobre este espazo na ficha do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.













