O pasado martes 21 de xullo, varios membros da xunta directiva da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos reuníronse con Luisa Piñeiro Arcos, Directora Xeral de Planificación Forestal. A sesión serviu para achegar á Administración as necesidades técnicas e económicas que afronta a base do noso sector.
Durante o encontro detalláronse os custos reais de mantemento, que inclúen os traballos de plantación, poda, abonado e rego. Expúxose a realidade de que calquera plantación require un investimento continuo durante os seus primeiros 10 anos de vida. Neste contexto, destacouse a necesidade técnica de modernizar os sistemas de traballo, abandonando progresivamente o rego mediante cisterna para implementar redes de rego por goteo.
Outros asuntos tratados foron as agrupacións forestais e o desenvolvemento da certificación forestal. Tamén se fixo fincapé en potenciar a figura do silvicultor activo, un recoñecemento necesario para axilizar o acceso ás axudas públicas e facilitar a comercialización a aquelas persoas que non obteñen os seus ingresos exclusivamente da castaña.


