- A entidade trasladou a Luisa Piñeiro Arcos a urxencia de adaptar as axudas autonómicas á realidade económica e técnica do produtor.
- Durante o encontro abordáronse eixes estratéxicos para o sector, como a figura do Silvicultor Activo e a Certificación Forestal dos soutos.
- A Asociación celebrará unha importante xornada formativa o vindeiro 24 de maio en Lalín, poñendo especial énfase nos tratamentos preventivos contra a praga da avespilla.
[Santiago de Compostela, 13/05/2026] – A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos mantivo o pasado luns, 11 de maio , un frutífero encontro de traballo coa Directora Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro Arcos. A reunión, que se desenvolveu nun clima de absoluta receptividade por parte da Administración, permitiu á directiva expor a folla de ruta da entidade e trasladar de primeira man as prioridades dos produtores galegos.
Un dos asuntos centrais da mesa de traballo foi a necesidade de reestruturar as actuais liñas de axuda á forestación e mellora de soutos. A Asociación argumentou que o verdadeiro esforzo económico para os produtores non reside exclusivamente na plantación inicial, senón nos altos custos de mantemento que esixe a parcela de forma sostida no tempo.
Nesta mesma liña, os representantes do sector explicaron que trátase dunha especie que require unha xestión silvícola sumamente complexa durante todo o seu ciclo produtivo, afastándose por completo dos modelos silvícolas tradicionais onde os coidados se limitan a rozas e podas moi puntuais.

Certificación forestal e modernización do sector
Durante a reunión, expúxose o proceso seguido pola Asociación para constituírse como Agrupación Forestal Básica, un fito que a Asociación xa completou co respaldo da Consellería do Medio Rural e que operará como motor de novas iniciativas.
A máis ambiciosa destas liñas de actuación é a futura certificación dos soutos asociados baixo os selos PEFC e FSC. Para logralo, os produtores deberán adherirse aos modelos silvícolas vixentes, un proceso novedoso no que a Asociación brindará acompañamento activo aos seus membros. Esta certificación, totalmente compatible cos requisitos da IXP Castaña de Galicia, abrirá a porta a que os produtores se rexistren como Silvicultores Activos. Esta figura xurídica resultará vital, xa que achegará beneficios fiscais e facilitará a compatibilidade legal da castañicultura con outras ocupacións laborais non agrarias, consolidándoa como unha fonte de ingresos complementaria e segura.
Como mostra do peso institucional que está a adquirir a entidade, a Directora Xeral confirmou oficialmente a entrada da Asociación no Consello Forestal, un foro de decisión clave onde, a partir de agora, a castañicultura terá voz e voto xunto ao resto de actores do monte galego. Finalmente, compartiuse o proxecto para crear unha rede autonómica de «Soutos Demostrativos» —destinados á experimentación con variedades e á formación práctica — e solicitouse o apoio institucional para a campaña transfronteiriza que busca o recoñecemento oficial da castaña como froita fresca.
Lalín, epicentro da formación contra a avespilla
En paralelo á actividade institucional, a Asociación trasladou á Directora Xeral o contido da próxima xornada formativa, que se celebrará o domingo 24 de maio no Edificio Sociocultural da rúa Manuel Rivero, en Lalín (Pontevedra).
O evento ofrecerá solucións prácticas a dúas das maiores ameazas actuais para o sector. Ás 10:30 horas, Pedro Álvarez Álvarez, Catedrático da Universidade de Oviedo, analizará o impacto do cambio climático na fenoloxía do castiñeiro e na biodiversidade da contorna. Ás 11:30 horas, o protagonismo recaerá sobre o control de pragas, cunha conferencia do experto Miguel Ángel Vázquez de la Mata (Viveros Castanea Sativa) centrada nos tratamentos preventivos máis eficaces para combater a avespilla do castiñeiro, unha praga que segue minguando gravemente a produción galega de castaña.

