Como continuación da nosa primeira publicación sobre a xornada formativa nas instalacións do Grupo Tragsa en Maceda, onde abordamos a complexidade do laboratorio in vitro, nesta segunda entrega detémonos na fase de exterior, aclimatación e I+D. Desde a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, consideramos fundamental achegar aos nosos produtores os avances técnicos, as novidades na produción de portaenxertos e os sistemas de enxerto que garanten a resiliencia e calidade das nosas futuras plantacións. A continuación, debullamos os procesos e proxectos que puidemos coñecer de primeira man.

1. A produción clásica: semente e estaquillado semileñoso
O primeiro que vimos, xa á saída do laboratorio, foi a produción de castiñeiro e doutras especies pola vía clásica: por semente. No caso do castiñeiro existe planta procedente de semente, pero o que máis nos chamou a atención foi o sistema de produción por estaquillado semileñoso, unha técnica que o viveiro leva aplicando desde hai anos con moi bo resultado.

2. A instalación de aclimatación: o «fog system»
Visitamos as instalacións destinadas á aclimatación da planta que sae do laboratorio de cultivo in vitro. Trátase dunha zona do invernadoiro dotada dun sistema de nebulización (fog system) que mantén unha humidade relativa superior ao 80 %. Ao principio, cando as plantas saen do laboratorio, esa humidade é máis alta, e vaise reducindo progresivamente a medida que a planta se adapta.
A instalación conta cunha sonda de humidade relativa que regula a liberación de auga a través de nebulizadores de gota moi fina, co obxectivo de evitar que a auga precipite directamente sobre as plantas e provoque podremia.

3. Unha instalación con dobre función
Nesta mesma instalación conviven dous tipos de material vexetal: por unha banda, as plantas procedentes do laboratorio de cultivo in vitro, durante a súa primeira semana de trasplante, para aliviar o estrés propio do proceso; e por outra, as estaquiñas que se dispoñen a enraizar, procedentes do campo de pés nais.
Estas estaquiñas prodúcense mediante o sistema de estaquillado semileñoso transferido polo CIF Lourizán, en torno ao ano 2000.
4. O campo de pés nais e a preparación das estaquiñas
O viveiro conta cun campo de pés nais formado por plantas clonais: en torno a 15 clons diferentes e con varias plantas de cada un. Os brotes recóllense cando están en estado semileñoso, é dicir, o suficientemente lignificados como para poder estaquillarse, pero aínda herbáceos, para que o enraizamento resulte máis doado.
As estaquiñas prepáranse sempre cunha xema na base, para favorecer o enraizamento, hormónanse con ácido indolbutírico e colócanse a enraizar nun substrato moi drenante. Este drenaxe é imprescindible dada a gran cantidade de auga que achega o sistema de nebulización: pola noite, ao baixar a temperatura, esa auga condensa e cae sobre o substrato, polo que este debe drenar ben para evitar podremias na base da estaquiña.
5. Do enraizamento ao trasplante
O estaquillado realízase normalmente durante o mes de xuño, e no mes de setembro (ou outubro, como moi tarde) as estaquiñas xa están enraizadas e en disposición de ser trasplantadas.
Non obstante, dado que durante o inverno a estaquiña non medra se se trasplanta directamente á maceta, correríase o risco de que as malas herbas invadisen o recipiente máis rapidamente do que medra a planta. Para evitalo, mantéñense enraizadas nas bandexas ata a primavera seguinte, momento no que se fai o trasplante definitivo: así as plantas medran rápido e colonizan a maceta sen apenas competencia con malas herbas.

6. A recría da planta
Esta instalación permite, por tanto, realizar o trasplante da planta in vitro sen estrés e levar a cabo o estaquillado. A continuación, visitamos os bloques onde se fai a recría: unha vez trasplantada, a planta debe crecer ata acadar un tamaño que permita, xa ben inxertala no propio viveiro, xa ben comercializala.

7. Sistemas de inxerto (I): chip budding sobre madeira
No viveiro empréganse dous sistemas de inxerto. O primeiro é o inxerto en madeira mediante a técnica do chip budding, que require que a planta portaenxerto teña polo menos 1 centímetro de diámetro. Nel insírese un «chip» que leva un pequeno anaco de madeira e unha xema, obtidos das púas que se recollen das plantas nais de variedades tradicionais a finais de xaneiro ou en febreiro, antes de que as xemas comecen a brotar. As púas consérvanse en cámara fría e o inxerto realízase en abril, sobre plantas que xa teñen o diámetro adecuado.
O inxerto mantense unido cunha cinta plástica anoada. O portaenxerto non se descabeza de entrada: iso vai facéndose progresivamente, a medida que o inxerto vai brotando máis preto do punto de unión, ata que este xa está preso e alcanza uns 10-15 centímetros de lonxitude, momento no que se descabeza por completo. O obxectivo de non descabezar desde o principio é que a planta manteña un «tiro de savia» que non afogue o inxerto: se se descabezase de inmediato, a savia non tería por onde circular e o máis probable é que acabase expulsando o inxerto.

8. Sistemas de inxerto (II): o inxerto en verde
O segundo sistema é o inxerto en verde, que se realiza directamente sobre a planta in vitro xa aclimatada, aproveitando o primeiro crecemento de primavera. Empréganse púas verdes procedentes dos pés nais e practícase un inxerto de fenda: a púa tállase en dobre bisel e colócase sobre o portaenxerto, ao que previamente se lle practica unha fenda cun bisturí. A unión mantense cunha pinza e colócase baixo o sistema de nebulización.
Deste xeito evítase que a planta se deshidrate mentres cicatriza. Unha vez cicatrizada, retírase a pinza e a planta trasplántase para que siga o seu curso normal de crecemento.

9. En resumo: os tres tipos de planta do viveiro
A produción de planta de castiñeiro do viveiro pódese resumir en tres grandes categorías:
- Planta de portaenxerto producida por cultivo in vitro: unha vez que sae do laboratorio trasplántase e recríase para a súa venda, xa sexa a outros viveiros ou a particulares, para o seu uso como portaenxerto (algúns clons teñen ademais aptitude para madeira).
- Planta producida por estaquillado semileñoso: tamén se trasplanta e recría, tanto para a súa venda como portaenxerto coma para uso en madeira.
- Planta inxertada con variedades tradicionais galegas: mediante inxerto de chip budding ou mediante inxerto en verde.

10. I+D: o proxecto «Yes We CAST»
Na parte final da visita coñecemos os dous principais proxectos de I+D relacionados co castiñeiro que se desenvolven no viveiro. O primeiro é o proxecto Yes We CAST, centrado na clonación de árbores senlleiras de castiñeiro, tanto de Galicia coma do Bierzo, Asturias, Cataluña, Extremadura e Andalucía, cunhas 10 árbores por comunidade autónoma aproximadamente.
Estas árbores xa se estableceron in vitro e a intención é producilas para establecer campos de ensaio e avaliar as súas posibilidades como portaenxertos resilientes, xa que se trata de exemplares que levan moito tempo tolerando condicións que outras árbores non chegaron a soportar. Ademais, realizáronse marcadores moleculares para comprobar se as árbores estaban inxertadas ou non; nas que si o estaban, tamén se clonou a parte aérea mediante inxerto.

11. I+D: o proxecto de cambio climático e tolerancia á seca
O segundo proxecto está relacionado co cambio climático. Nel seleccionáronse árbores situadas en zonas de Extremadura moi sometidas a estrés térmico e hídrico. Os brinzais xerminados a partir destas árbores foron sometidos a probas de estrés controlado: por unha banda, estrés térmico nun forno a máis de 50 graos durante 5 días non consecutivos (5 horas consecutivas diarias, apagando e regando despois); por outra, estrés hídrico, sen rega ata alcanzar o 0 % de contido de auga no substrato; e tamén unha combinación de ambos os tratamentos.
A partir destas probas seleccionáronse os brinzais que mellor resistiron cada tipo de estrés, e actualmente están a ser clonados para propoñelos como materiais tolerantes á seca. Ademais, unha vez identificados os que resisten tanto a seca como o estrés térmico, están a ser inoculados con Phytophthora para comprobar cales deles poderían servir fronte aos dous tipos de estrés simultaneamente.




