Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Segunda parte da xornada do 17 de outubro: a identidade xenética do castiñeiro

Continuamos coa nosa serie de tres entradas dedicadas a resumir a xornada de formación celebrada o pasado sábado 17 de outubro de 2026, un encontro organizado por Agacal – Experiencias de Calidade de Galicia e polo CFEA de Lourizán.

Neste segundo artigo centrámonos na maxistral charla de Javier Fernández Cruz, investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, sobre o uso dos microsatélites para identificar as nosas árbores.

Javier explicou de forma moi didáctica como o laboratorio é capaz de obter un «DNI xenético» de cada planta a partir dunha simple mostra de folla. Lendo os microsatélites do ADN, obteñen un perfil único que resolve moitos dos problemas históricos de identificación. Confirmou que os nomes populares ás veces levan a engano, xa que atoparon multitude de sinonimias (un mesmo xenotipo xenético chamado de varias formas distintas segundo a aldea) e homonimias (árbores xeneticamente diferentes que reciben o mesmo nome).

A aplicación desta tecnoloxía ten un impacto directo na calidade da planta que mercamos. O equipo de Lourizán analizou máis de 1.200 plantas nai presentes en 22 viveiros galegos para verificar a súa identidade. O estudo revelou que case o 81 % destas plantas estaban etiquetadas correctamente, o que supón unha boa base, pero tamén demostra a utilidade destes controis para detectar e corrixir ese 19 % de erros antes de que a planta chegue ao monte.

Outro dos grandes proxectos que presentou foi a creación de novos retrocruzamentos pensados especificamente para as zonas de interior. Os híbridos que se viñan usando funcionaban ben na costa, pero sufrían co clima do interior. Agora, usando variedades tradicionais galegas como nais e híbridos tolerantes á tinta como pais, están a lograr plantas cun 75 % de xenética de castiñeiro europeo, moito máis rústicas e adaptadas ao noso contorno, sen perder a necesaria resistencia ás enfermidades.

Scroll al inicio