Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Asociación Galega Das Castañas e Dos Soutos

O noso compromiso

Somos produtores convencidos de que a castaña non é só un froito, é o motor económico e o corazón da nosa biodiversidade rural. Traballamos para protexer toda a cadea de valor: dende a raíz do castiñeiro vello ata a frescura do produto final no mercado. A nosa misión é clara: superar a fragmentación do sector para defender, con unha soa voz, un sistema produtivo sostible que sexa refuxio de vida e fonte de riqueza para as vindeiras xeracións.

O que nos move: Os nosos piares de acción

Para transformar o sector e asegurar o futuro dos nosos soutos, traballamos en catro áreas estratéxicas que dan resposta ás necesidades reais dos produtores:

  • Defensa integral do sistema produtivo: Protexemos os soutos non só como un conxunto de árbores, senón como ecosistemas vivos e como un motor económico. Reivindicamos a castaña como froita fresca, esixindo o respecto estrito á cadea de frío e combatendo a súa clasificación errónea como froito seco para garantir a máxima calidade e diferenciación no mercado.

  • Unión, voz e representación institucional: Actuamos como un interlocutor forte ante as administracións e organismos públicos. Traballamos activamente na mellora normativa e no deseño de axudas, ademais de asinar convenios estratéxicos que defenden os intereses profesionais e económicos de cada un dos nosos asociados
  • Sostibilidade, certificación e servizos ecosistémicos: Xestionamos o territorio con visión de futuro. Impulsamos a recuperación de soutos, a xestión conxunta e a Custodia do Territorio. Damos un paso máis promovendo a certificación forestal (PFNM) para garantir a trazabilidade do produto e traballamos para poñer en valor os servizos ecosistémicos, buscando mecanismos que retribúan ao produtor polo seu papel clave na biodiversidade e na fixación de carbono.

Suma a túa voz á nosa

O que nos une como produtores é moito máis forte que o que nos poida separar. Os retos que afrontas no teu souto son os mesmos que os de todos, e só dende a unidade poderemos acadar solucións reais. Se cres nun rural vivo, nunha castañicultura moderna e nun futuro digno para o noso sector, este é o teu sitio.

Faite socio e axúdanos a construír o futuro do noso monte:

Un sector estratéxico e de proxección internacional

A tradición e importancia do sector do castiñeiro en Galicia é innegable. Somos unha das rexións europeas con máis soutos, unhas 40.000 hectáreas, aínda que a maioría de baixa produtividade. Os datos de produción dunha campaña normal sitúanse nos 20 millóns de kg de castañas, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagados a produtores e que, á súa vez, xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización, unha vez transformados, para o que contamos cunha potente e punteira industria, cun marcado perfil internacional (o 89 % expórtase).

Os retos do sector produtor

A pesar destes datos, o sector produtor enfróntase a grandes retos, como a baixada considerable das producións dos soutos tradicionais debido ao abandono e envellecemento da poboación do rural, a escasa profesionalización e modernización do sector, a complexidade da elección axeitada de variedades e, a miúdo, o deficiente mantemento das novas plantacións, a adaptación ante o cambio climático e a presenza crecente de pragas e enfermidades.

Unha realidade que esixe acción

Esta situación levou a que nos últimos anos, dos 20 millóns de kg de castañas comercializadas polas nosas industrias, tan só 5 millóns procedesen dos soutos galegos. Esta fenda entre a capacidade da nosa industria e a realidade da produción local marca a nosa folla de ruta para que a castaña galega recupere o seu espazo.

Scroll al inicio