Asociación Galega das Castañas e dos Soutos

Terceira e última parte da xornada en Lourizán: a historia, os novos portainxertos e a visita aos invernadoiros

Con este extenso artigo poñemos o ramo á nosa serie dedicada a debullar os contidos da xornada técnica celebrada o pasado sábado 17 de outubro de 2026, un evento de enorme valor organizado de forma conxunta por Agacal – Experiencias de Calidade de Galicia e polo CFEA de Lourizán.

Nesta última quenda imos centrar toda a nosa atención na detallada exposición de Beatriz Míguez, investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e no percorrido guiado que realizamos polas súas instalacións.

O repaso histórico serviu para poñer en valor o traballo feito nas últimas décadas. Beatriz lembrou os esforzos iniciados naquel ano 1982, cando Josefa Fernández López iniciou unha prospección na que se percorreron 339 localidades de toda Galicia recadando material e catalogando ata 157 denominacións locais.

Este inmenso patrimonio materializouse en coleccións como a de Sergude, permitindo estudar a fondo as nosas árbores. Aproveitou para lembrar unha máxima que todo produtor debe ter gravada: a maioría das nosas variedades autóctonas non teñen pole viable, polo que deseñar as plantacións incluíndo árbores polinizadoras é un paso que non se pode saltar baixo ningún concepto.

Tras a introdución, Beatriz expuxo un diagnóstico moi realista e documentado sobre un problema que está a traer polo camiño da amargura a moitos produtores actuais. Explicounos que os patróns híbridos da primeira xeración, que se viñan recomendando para loitar contra a tinta, foron deseñados especificamente para un clima atlántico suave e para altitudes inferiores aos 600 metros. Cando estes materiais se plantan en comarcas de interior, o seu comportamento é deficiente: brotan moi axiña na primavera quedando expostos ás xeadas serodias, rachan, defólianse e acaban morrendo pasados uns 5 ou 7 anos, arruinando a viabilidade da plantación.

Pero a resposta técnica xa está en marcha. Dende o ano 2015, o CIF de Lourizán traballa na creación de novos portainxertos pensados exclusivamente para soportar as condicións rigorosas do noso interior. A estratexia foi cruzar as nosas mellores variedades tradicionais de montaña (aquelas que aguantan a seca e os invernos fríos) cos híbridos que si toleran a enfermidade da tinta.

As probas de campo foron moi esixentes. Plantaron máis de 1.800 novos exemplares en catro áreas climáticas diferentes, incluíndo terreos extremos como Sabuguido, avaliando parámetros clave como a época de brotación, a supervivencia á inoculación da tinta, o crecemento e a aparición de síntomas de inadaptación. O esforzo deu os seus froitos: xa lograron seleccionar 25 clons de 9 familias distintas cun rendemento excepcional. O seguinte e complexo paso é a tramitación legal para inscribir os primeiros cinco clons no Rexistro de Variedades Comerciais, un proceso burocrático que require exames técnicos de distinción e homoxeneidade que, a día de hoxe, centralízanse en Hungría ao non contar España cun centro de referencia avaliado para o castiñeiro.

A xornada finalizou da mellor maneira posible: saíndo da aula e visitando os distintos edificios de invernadoiros do centro. Alí puidemos empaparnos da realidade do día a día da investigación. Vimos de primeira man o núcleo de propagación onde coidan e conservan as plantas nai de tódalas variedades, as cales aconsellan ir renovando cada 6-7 anos para manter a calidade das pugas.

O equipo técnico compartiu as dificultades ás que se enfrontan debido ás variacións climáticas, que en ocasións provocan dobres brotacións nas árbores estragando o material de reprodución. Por último, amosáronnos as camas de estaquillado baixo sistema de nebulización continua, onde conseguen taxas de supervivencia e enraizamento de entre o 70 e o 80 % a pesar de de que calquera incidencia pode estragar facilmente a produción do material. Foi, sen dúbida, un peche perfecto para comprobar que o futuro do castiñeiro galego segue en moi boas mans.

Scroll al inicio